A.V. Agra do Orzán
Os Ferrados de Letras de 2022 serán o xoves no Ágora
Como todas as actividades do programa “Agra no Ágora”, a entrada é libre, gratuíta e sen reserva; as butacas ocúpanse por orde de chegada, ata encher a capacidade.
Agasallaremos ao público asistente con marcapáxinas, ata esgotar existencias, ilustrados con poemas de Florencio Delgado Gurriarán e outras autoras e autores das nosas letras.
Haberá actuacións dos colectivos que participan nas actividades de baile, percusión, poesía da asociación veciñal, mais a actuación dos grupos musicais Parabéns e Caamaño&Ameixeiras.
O grupo "Parabéns" naceu hai algo máis dez anos pola necesidade de cantar na nosa língua, recollendo temas populares e achegando algúns propios.
"Caamaño&Ameixeiras" é un dúo ligado á música e ao baile de raíz. Formado por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) en 2018. Acumula, na súa curta pero intensa traxectoria, un gran número de concertos, tanto dentro da xeografía galega, o seu lugar de orixe, como fóra dela e no ámbito internacional. De natureza principalmente instrumental, aínda que incorporando tamén algún tema vocal coidadosamente escollido, Caamaño&Ameixeiras toma como punto de partida a tradición, entendida como algo vivo e en constante cambio, para crear despois a súa propia linguaxe, con composicións e arranxos personais e íntimos que manteñen a esencia do popular pero incorporan recursos contemporáneos.