Falamos con Marisol Mirás, Secretaria da Asociación Veciñal Agra
A revolta da memoria na Agra
“A revolta da memoria na Agra” é o caderno-calendario que elaborou e distribuíu de balde a Asociación Veciñal da Agra do Orzán para honrar as vítimas do terror fascista e ofrecer unha escolma de textos e referencias bibliográficas sobre as múltiples formas da represión fascista triunfante dende o golpe de estado de 1936.
- O calendario LilAgra que fixestes para 2017 tratou sobre a violencia de xénero, un tema que desgraciadamente ocupa as páxinas de actualidade. Por que dedicastes o calendario deste ano a feitos do pasado?
- Machismo e fascismo desenvólvense con moi variadas formas de terror para inmobilizar e desmobilizar as vítimas; ambos os dous, son de doente actualidade.
A apolitización, a corrupción e as “portas xiratorias” foron mecanismos cos que os golpistas de 1936 crearon unha ampla rede de apoios e complicidades que sostivo o réxime ditatorial ata a morte natural do ditador e, aínda, co seu herdeiro na xefatura de estado, permitiu os cambios imprescindibles para adaptarse a novos contextos: no escenario da “transición” xogouse coas apariencias das formas políticas mais non houbo transición económica. Noutros lugares do mundo, os pobos reaxiron e derrocaron os ditadores e os seus servidores, condenaron as súas figuras e recuperaron os bens espoliados; mais no estado español, os fascistas siguen invictos, non foron condenados e os seus herdeiros manteñen o control en todas as instancias; isto explica o consentimento do grao de corrupción actual.
- No caderno “Revolta da memoria na Agra” incluídes extractos de libros que tratan sobre a represión fascista en Galiza. Foi diferente o que aconteceu en Galiza con respecto a outros lugares do estado español?
- Si, en Galiza non houbo fronte de guerra. Antes de 1936, xa fracasaran outros golpes de estado, mais en 1936 no canto de empezar por Madrid e espallarse ás provincias, programaron partir de Galiza: Galiza é o único lugar da Europa con minas de wolframio (imprescindible para a fabricación do armamento, co que poderían pagar o apoio da Alemaña nazi e da Italia fascista), tiña abundante poboación masculina para recrutar, tiña vacas (carne) e conservas coas que manter as tropas. Mais Galiza acababa de votar maioritariamente á Fronte Popular nas eleccións e aprobar o Estatuto de Autonomía: o pobo galego organizado maioritariamente en sindicatos anarquistas atoparon no Partido Galeguista a opción de esquerdas non centralista. Para facer de Galiza a súa despensa, os fascistas programaron un plan de exterminio atroz: nos días seguintes do golpe de estado asasinaron a líderes políticos e sindicais obreiros e labregos para descabezar as organizacións e sementar o terror, asasinaron os cargos institucionais –alcaldes, secretarios dos concellos, xefes militares e carabineiros leais á república-, mesmo adiñeirados empresarios republicanos.
Se hoxe en día coñecemos os efectos da “lei mordaza” e a lexislación laboral que frean a esperable reacción popular fronte a precarización laboral e perda de dereitos sociais, non é difícil imaxinar o poder desmobilizador do terror sementado en 1936 e desenvolto na ditadura: a xente vivía co medo a ser denunciada, despedida, mallada, violada, humillada en público, presa, asasinada... Na Coruña, inmediatamente despois do golpe de estado, despediron traballadores e traballadoras dos postos públicos e das empresas para privar do sustento económico a mariñeiros, cigarreiras, misteiras, mestras, panadeiros etc.; logo readmitiron a quen se afiliara á Falanxe ou dera probas de apoio ao novo réxime (por denunciar ou delatar veciños “sospeitosos” ou por formar parte das grupos paramilitares –Caballeros de La Coruña-). Só conservarían o posto de traballo aqueles imprescindibles en tanto que non houbese fascistas que soubesen facer as súas tarefas.
Con esta “depuración” política e laboral castigábanse resistentes e, asemade, premiábanse os afectos. Na Coruña temos exemplos destes desprazamentos nas elites económicas: Pedro Barrié de la Maza “logrou” nunha subhasta a empresa do seu “competidor” Miñones, que foi asasinado por republicano, e axiña creou FENOSA; tamén a concesión de terreos públicos no Parrote foi para premiar ao promotor Armando Casteleiro. Canto a premios por servizos ao novo réxime, non é menos impresionante que o crego José Toubes conseguira o espazo e construción da actual igrexa da parroquia de San Pedro de Mezonzo, que a pouco máis tamén a adorna coa fachada do mosteiro de Santa María de Monfero.
Para o reparto do botín de guerra (bens mobles, inmobles, patrimonio público, concesións mineiras, explotación de recursos naturais, man de obra escrava –presos dos campos de concentración- etc.) desenvolveuse unha mesta rede de colaboradores en que a corrupción era consentida convenientemente en todos cantos sistemas se crearon para recadar fondos (para a fronte da guerra e durante máis tempo -lembremos que o estado de guerra se mantivo oficialmente ata 1948-): as requisas, as cartillas de racionamento, multas, múltiples “suscricións populares”–efectivas baixo coacción ou ameaza de fomar parte dunhas listas de desafectos que impedirian obter informes favorables da Falanxe ou da Igrexa, imprescindibles para a vida diaria: procurar traballo, viaxar, vender nas feiras ou mercados etc.-.
- Por que escollestes este tema para este ano?
- Calquera ano sería axeitado. Van xa moitos anos sen que se faga xustiza nin reparación. Podiamos telo feito o ano pasado para conmemorar a Fuxida do Portiño. Facémolo este, se cadra, porque en decembro de 1938 se lle entregaron as Torres de Meirás a Franco –paradigma da corrupción, do terror etc.- para ser residencia oficial e sede de goberno no período estival. Con este “agasallo” as elites locais aseguraron a proximidade física da rede de poder; na outra banda, a presenza do ditador e da súa corte supuxo reforzar a vixilancia e detencións preventivas de mulleres e homes sospeitosos que residían na Coruña, Sada e arredores. Con cada visita do ditador, conmemoraba a súa vitoria sobre a Delegación do Goberno da Coruña e renovaba a pisada da súa bota. Algunhas das persoas das que falamos no caderno “pasaban as festas da Coruña no hotel reixas”, é dicir, na cadea.
Consideramos que vai sendo hora de que as institucións vaian máis alá do inaprazable cambio de denominación de rúas, prazas e edificios públicos. Concellos e Deputación deben reparar en actas oficiais a memoria de traballadores e cargos institucionais que foron depurados polos fascistas, procurar a devolución das Torres de Meirás ao pobo, a devolución gratuíta ao pobo da Coruña dos terreos do litoral marítimo da Coruña, facilitar e impulsar a investigación e o coñecemento da historia –social, política e económica-.
- A quen e a que dedicastes o primeiro trimestre do calendario?
- En xaneiro e febreiro falamos de dous panadeiros anarquistas asasinados: o comandante Moreno, do barrio do Vioño, e Alejandro Basilio Palacios. En marzo, falamos de Elvira Varela Bao, filla de membros das Irmandades da Fala, que foron depurados dos seus postos de mestra e profesor.
As notas bibliográficas dedicámolas: en xaneiro á censura mediática e a Daniel Castelao, porque cos seus álbumes da guerra trasmitiu en tempo real o terror que sufriu Galiza –en canto á arte combativa de artistas galegas durante a guerra incivil, recomendamos a visita da exposición “13 estampas do terror” na Fundación Luís Seoane-; en febreiro referímonos ao espolio de espazos naturais e fértiles (as marismas de Baldaio e o val das Encrobas); en marzo, ás loitas de bravas mulleres traballadoras. No mes de marzo destacamos o paro internacional de mulleres convocado pola Marcha Mundial das Mulleres, porque, por poñer unha das razóns da convocatoria, consideramos que a discriminación salarial é un “tema” en que se debera meter M. Rajoy e calquera mandatario/a ou delegado en provincias con competencia nesta materia.