Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica trasládalle á hostalería as súas propostas para mellorar e axilizar as axudas ao sector no Presco 2021

María García: “Esiximos que se dea a coñecer a liquidación das conta municipais de 2020. Seguimos sen coñecer a situación económica real do Concello”

A Marea Atlántica trasládalle á hostalería as súas propostas para mellorar e axilizar as axudas ao sector no Presco 2021
20210322_SGR_reu_shostaleria_Z7F8510
Reunión Marea Atlántica e Shostalería

Propoñemos unha liña de axudas directa e urxente para a pequena hostalería, de pago inmediato e con trámites simplificados ao máximo

A Coruña, 22 de marzo de 2021.- A voceira e o vicevoceiro municipais da Marea Atlántica, María García e Iago Martínez, e o noso voceiro provincial, Alberto Lema, reuníronse hoxe con representantes da plataforma Shostalería da Coruña, Escoitaron as súas demandas e trasladáronlles as nosas propostas de axudas para os sectores máis afectados pola pandemia, buscando mellorar e axilizar os trámites e atender ás novas necesidades xurdidas nos últimos meses. A hostalería, a actividade máis golpeada polas restricións sanitarias, ten un peso específico dentro das nosas propostas para rescatar A Coruña.

Alí, María García volveu reclamar que se convoque á Comisión de Facenda para presentar a liquidación das contas municipais de 2020: “Seguimos sen coñecer a situación económica real do Concello, só os datos que a Inés Rey lle apetece contar”. Para a nosa voceira, “insisten en vendernos unha redución de ingresos, que en realidade é un pinchazo das previsións inchadas coas que o PSOE construíu o Orzamento 2020, como xa advertira o interventor”, mentres “non sabemos nada dos datos verdadeiramente relevantes: se rematamos o ano con superávit ou con déficit, cal foi o aforro neto e cal é o remanente axustado”.

Por isto, pedímoslle a Inés Rey que deixe de confundir co fracaso das súas previsións, xa que os ingresos finais que ela mesma anuncia non están por debaixo dos de 2016 ou 2017, anos sen pandemia nin crise. E esixímoslle que comparta dunha vez a liquidación 2020 para coñecer de primeira man a gravidade da situación. É imprescindible para planificar o novo plan de rescate e os investimentos do ano que entra.

En todo caso, é innegable que o novo plan de choque contra a pandemia chega tarde. Estamos ás portas do mes de abril e o goberno municipal nin comezou as negociacións, nin é quen de aclarar con qué recursos conta para tenderlle unha man a quen máis o precisa. A este ritmo, pasará o verán sen que a veciñanza poida contar con novas axudas do Concello da Coruña para afrontar a crise.

Propostas para rescatar A Coruña

María García, Iago Martínez e Alberto Lema detallaron aos representantes de Shostalería as súas propostas concretas para o seu sector, comezando por unha liña de rescate directa e urxente, de pago inmediato baixo declaración xurada e con trámites simplificados ao mínimo. Para que se trate dunha medida xusta e redistrubitiva, deben ter prioridade as pequenas empresas e profesionais autónomos do sector. O ritmo de peche de locais de hostalería está a ser alarmante nos últimos meses, e todos os recursos son necesarios para evitar que cada día máis persianas baixen para sempre.

Por suposto, o comercio e a cultura tamén deben contar coa súa propia liña de axudas, por ser dúas actividades económicas que sufriron un golpe moi duro en 2020.

Deben, igualmente, manterse as subvenciçons xerais a pemes e autónomos, sen as demoras como as que que se arrastran de 2020, con 600 axudas sen pagar aínda. O 98% do importe debe entregarse por adiantado, tal e como permite a Ordenanza de Subvencións.

A Marea Atlántica trasládalle á hostalería as súas propostas para mellorar e axilizar as axudas ao sector no Presco 2021