Os 19 de Meirás
O xuízo ás e aos 9 activistas denunciados polos Franco por reclamar a devolución da Casa Cornide terá lugar o vindeiro 4 de febreiro
Galiza, 27 de xaneiro de 2021.- O vindeiro xoves, 4 de febreiro, e após terse adiado varias veces o xuízo, será xulgado o grupo de nove activistas denunciados pola familia Franco pola acción simbólica realizada na Casa Cornide. A vista terá lugar ás 10:00 horas no Xulgado de Instrución Nº 4 da Coruña (Rúa Monforte, 1. Edif. Novos Xulgados – A Coruña)
As e os nove activistas, militantes do BNG, Armando Carril, Manuel Méndez, Elvira Branco, Carolina Fernández, André López, Salvador González, Óscar Calvo, Dani Carballada e Bieito Lobeira, serán xulgados por un delito leve por coaccións.
As e os 9 activistas denunciados lembran que “a acción realizada o 26 de setembro do 2017 consistiu en despregar unha faixa na varanda da Casa Cornide, para reclamar que este edificio, que foi espoliado no ano 1962 polos Franco, debe ser restituído ao patrimonio público das galegas e galegos” explicaron.
“Esta denuncia é o mundo ao revés. Que 9 persoas teñamos que sentarnos diante dun xuíz por unha acción simbólica e totalmente pacífica mentres a familia dun ditador que deixou milleiros de mortos no noso País leva toda a vida campando impunemente e desfrutando do patrimonio espoliado, di moito de como están as cousas neste Estado” expresaron.
“As acusacións feitas carecen de fundamento e agardan que a acción sexa considerada como o que foi: un acto pacífico e de expresión democrática ante unha situación inxusta que, ademais, sabemos que é compartida por todas as persoas demócratas deste País” indicaron as e os 9 activistas.
Desde o grupo de activistas denunciados reclaman tamén que as administracións públicas interveñan con contundencia tamén no caso do espolio da Casa Cornide. “É unha exixencia democrática e unha maneira de dignificar e facer xustiza á memoria da totalidade das vítimas do franquismo que todo o patrimonio espoliado polo franquismo sexa devolto ao patrimonio público galego, e a Casa Cornide non pode ser unha excepción” concluíron.
En solidariedade co grupo de activistas denunciados hai xa convocada unha concentración en réxime de autoconvocatoria que terá lugar o propio xoves, 4 de febreiro, a partir das 9:30 horas, diante do Xulgado de Instrución nº 4 da Coruña (Rúa Monforte, 1. Edif. Novos Xulgados). Na mesma, respectaranse todas as medidas de seguranza fronte á COVID-19.